Friday 03 de May de 2024

O Concello de Boqueixón celebra os avances na tramitación do Campus de I+D promovido en Sergude por Santos Equipamento de Interiores


O proxecto de interese autonómico someterase a información pública ata o 12 de febreiro

O Concello de Boqueixón celebra os avances na tramitación do Campus de I+D que a empresa Santos Equipamento de Interiores SLU promove no parque empresarial de Sergude. Un proxecto de interese autonómico (PIA) fechado en agosto de 2023 e que vén de ser sometido a información pública ata o 12 de febreiro de 2024. Unha información accesible na web da Consellería de Economía, Industria e Innovación a través deste enlace: https://economia.xunta.gal/transparencia/informacion-publica/en-tramitacion/instalacions-industriais?content=expediente_0008.html

O alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, amosa a súa satisfacción “por un proxecto moi importante para o presente e futuro de Boqueixón que vai avanzando de forma moi positiva”. Neste sentido, lembra que “deste xeito Boqueixón sumará máis de 60.000 novos metros cadrados de solo industrial”.

O proxecto pretende crear un campus con instalacións onde os diferentes departamentos de deseño e desenvolvemento poidan reunirse nunha contorna axeitada para o proceso creativo coa fin de innovar e desenvolver o produto e así dar continuidade ao crecemento da empresa. Para a construción e desenvolvemento desta área en Deseiro (Sergude), a firma ten previsto un investimento de 8 millóns de euros. Na actualidade xa desembolsou 2,5 millóns na obtención do terreo e nas instalacións xa realizadas.

O campus de I+D emprazarase en Deseiro, onde a empresa dispón dun terreo de 84.869 metros cadrados na zona do polígono empresarial de Sergude e nunha situación estratéxica pola súa proximidade tanto á estrada Nacional 525 Santiago-Ourense (apenas medio quilómetro) como aos accesos á AP-9 e á A-53 Santiago-Ourense (3,5 quilómetros), así como a infraestruturas aeroportuarias como ferroviarias. Isto fai desta zona un emprazamento especialmente idóneo para a implantación deste tipo empresarial de uso industrial e terciario.

Nunha primeira fase do campus procederase ao traslado de todos os departamentos que Santos Equipamento de Interiores SL ten agora mesmo que Quiroga Palacios (Santiago de Compostela) e que non o suficientemente grandes para soportar o crecemento desta empresa, que ten un promedio de 10 novas incorporacións ao ano.